Ciclo
: Mulleres no fútbol.
Acto : Proxección documental e conferencia.
Autor : Óscar Losada Castro (xornalista de La Opinión e da RG)
Presenta : Carlos Castro Pinhão (Círculo Racinguista)
Data: 29 de novembro de 2006
Hora: 20:00 h.
Lugar: Ateneo Ferrolán, Rúa Madalena, 202-204 1º Ferrol
Organiza : Círculo Racinguista.
Losada comezou a súa exposición mencionando a presenza de mulleres árbitros
que chegaron á elite futbolística como os casos da canadense Sonia Denoncourt,
a primeira en dirixir un partido dentro duns Xogos Olímpicos, os de 1996, que
tamén foi rquerida pola Confederação Brasileira de Futebol (CBF) para pitar
encontros do seu campionato ligueiro. No propio Brasil saliéntase a figura de
Sílvia Regina de Oliveira, a primeira en asubiar un partido da Série A do seu
país e a primeira tamén en dirixir un enfrontamento da Copa Sudamericana,
auxiliada polas súas compatriotas Aline Aline Lambret e Ana Paula Oliveira.
Tamén a suíza Nicole Petignat foi a primeira en tomar conta da labor
disciplinaria nun partido da Copa da UEFA entre os suecos do AIK-Solna e os
islandeses do Fylkir o 14/08/2003. De igual xeito controlou as evolucións dos
xogadores nun partido da Primeira división do seu país a colombiana Martha
Toro. Esta colexiada tivo que sancionar a un xogador antes do inicio dun dos
partidos por ela asubiados logo que este realizara unha observación, en sentido
admirativo, sobre as súas pernas.
A chegada á elite, continuou o xornalista herculino, non ficou isento de
aspectos discriminativos, a arxentina Florencia Romano loitou contra a
Asociación del Fútbol Argentino (AFA) reclamando a igualdade de xénero para
dirixir choques de Primeira División. En Marzo de 2000 foi a xuiz princiapl do
partido Deportivo Riestra-Sportivo Barraca da Serie D. Esta muller, na loita
polos seus dereitos, chegou a facer folgas de fame e encadearse á sede da
propia AFA. Finalmente sería designada internacional pola FIFA no 2001 e
elixida como cuarto árbitro para encontros do Torneo Apertura arxentino de
2001. Os seus intereses deportivos levárona a outra disciplina como o boxeo,
onde chegou a se estrear.
A costarricense Clareth Jiménez foi quen de asubiar un clásico da súa terra,
o Alajualense-Saprissa pero a fianis de 2003 os medios reflectiron a polémica
que mantivo coa comisión de arbitraxe por non ter superado as probas físicas
por cinco metros, entendendo que era razón discriminatoria o feito que non se
lle habilitase para voltar a dirixir partidos da máxima categoría. A súa
compañeira Ave María Alpízar acabou do mesmo xeito preferindo asubiar partidos
nunha categoría inferior. Estela Riabel Trujillo pitou un único partido de
élite no seu país, Perú. Malias boas críticas non se lle deu unha nova
oportunidade e na actualidade cursa estudos nos Estados Unidos.
Virginia Tovar estreouse na máxima do fútbol mexicano nun Irapuato-América.
Din as crónicas que non o fixo mal; nas seguintes designacións avondaron os
malos cualificativos para a súa labor, acrecentados por xogadores e técnicos
que entenden impropio que un partido entre homes sexa arbitrado por unha
muller.
A chilena Pamela Gutiérrez é unha das pioneiras da arbitraxe feminina en
competicións masculinas. Loitou e pasou as probas físicas que a habilitaban
para estar colexiada. Dagmar Damkova chegou á primeira división checa en
novembro de 2003 para dirixir o match entre o Slovan Liberec e o Ceske
Budejovice, anteriomente xa estivera como xuíza de liña en varios encontros
desta categoría. Igualmente aconteceu na Romenia con Cristina Ionescu.
O maior logro de Wendy Toms foi ser designada para un encontro da Copa da
Liga inglesa. Esta colexiada si adoita ser escollida como linier nos partidos
da Premier League.
En Portugal, Ana Raquel Brochado foi pioneira en dirixir un xogo senior
entre homes, o Bombarralense-Monsanto da Série D da III Liga, tendo como
fiscal-de-linha a Cátia Pombinho.
Jacob Ebrel, director de competicións ada UEFA pensa que dentro duns anos as
mulleres se integrarán no máximo nível do fútbol masculino “e pode ocorrer máis
axiña do que pensamos.”
Francesas como Nelly Viennot e Corinne Lagrange xa foron xuízas de liña na
Champion’s League. Na Italia Cristina Cini foi a primeira do seu país en formar
tríos arbitrais para encontros das series A e B. Incluso cubrindo os seus
expedientes con grandes actuacións como as que tivo nun partido entre Roma e
Chievo sinalando dúas irregularidades que serviron para anular dous goles que
lle outrorgaron grandes eloxios no país transalpino.
A sueca Ghislaine Peron-Lobbe sabe o que é exercer de auxiliar na Copa UEFA,
mentres que a peruana Ana Isabel Pérez Assante participa de xeito discontinuo
como liña en xogos da Primeira do país andino. Milena López gañouse un lugar
nas bandas da primeira liga costarricense igual que Morag Pirie na Escocia e a
devandita Ana Paula Oliveira no Brasil.
No fútbol estatal é de Xaneiro de 2002 cando se data que a balear Carolina
Doménech dirixiu un amigable entre R. Madrid e At. Madrid no Santiago Bernabéu.
Esta colexiada pitou na Segunda B decidindo retirarse ao non acadar o ascenso
ao fútbol profisional. Carolina actuou como cuarto árbitro en partidos da
Primeira e Segunda Divisións españolas. Logo tomou as rendas do Comité Balear
de Árbitros, exercendo como presidenta do colectivo.
Marisa Villa debutou como liña de Segunda División en Pucela, nun
Valladolid-Tenerife do 4 de Setembro de 2004. Unhas declaracións dun xogador
tinerfeño, proclamando que o fútbol é só cousa de homes, avivaron unha polémica
malia que ninguén puido enxuizar como negativa a actuación de Villa ao longo do
partido. Esta muller desempeñara as mesmas funcións no torneo olímpico de
fútbol masculino en Atenas un mes antes da súa estrea ligueira na Península
Ibérica.
A charla de Óscar Losada rematou facendo referencias ás grandes
pioneiras do balompé no mundo, nomeadamente no plano masculino, a inglesa
Nellye Honieball, fundadora, no 1890, do primeiro equipo feminino da historia,
as British Ladies Foot-Ball Club; e o mítico equipo das Dick Kerr’s,
traballadoras desa fábrica de municións, quen malias proibicións da Football
Association (FA), logo que disputaran encontros congregando afluencias de
70.000 espectadores nuns partidos de xira por Escocia, ou as 53.000 que foron
ao Goodison Park de Liverpool para ollar a súa victoria por 4-0 sobre as Saint
Helen’s Ladies. As Dick Kerr’s tiveron 121 propostas para disputar partidos no
1921 malia o impedimento da FA. No 1922 viaxaron a norteamérica arribando
primeiro a Quebec (Canadá), onde a influencia da FA fixo que o equipo tivera
que suspender os partidos da súa xira, pero pasando depsois aos Estados Unidos
onde se atoparon que os rivais nos seus partidos eran homes. Alí xogaron nove
encontros co balanzo de tres victorias, trer empates e tres derrotas. No
regreso ás illas foran aclamadas como heroínas.