
Gumersindo Sobrino Fernández naceu en Santoña (Cantabria) o 29-03-1923.
Empezou a xogar ao fútbol no seu pobo e veu a Ferrol en 1943 por mor do
servizo militar, quedando para sempre na nosa cidade.
Xogou no C. Ferrol dende 1943/44 até 1954/55. Actuaba de defensa
dereito pero ás veces o fixo de extremo, mesmo marcando goles. O seu
debut en competición oficial produciuse o 26 de setembro de 1943, nun
Santiago-Ferrol ligueiro da 3ª División. Nesa campaña Sobrino coincidiu
con homes como Caliche (co que facía parella defensiva), Malet,
Fontela, Gabriel Alonso, Ferreiro, Silvosa, Porta, Barón, Herodes,
Landeta, Quintana, Oliveros, etc. Era un gran equipo para a 3ª División
e non tardou en recuperar o seu sitio na 2ª categoría, que non
abandonaría por moitos anos.
Sobrino cedo converteuse nunha peza
fundamental na defensa, de aí a súa lonxeva vinculación ao equipo. As
súas cualidades físicas, unidas ao pundonor do que facía gala, levaron
a Sobrino a ser un referente para os seus compañeiros e para a afección
verde durante aquela década de 1941-50 e a primeira metade da seguinte,
período no que veu pasar polo plantel a unha gran cantidade de
estupendos futbolistas (a parte dos citados antes) como Juanito
González, Juanito Alonso, Portugués, Munuaga, Román, Maza, Ortiz,
Fabeiro, Caeiro e un extenso etcétera. Foi, de feito, un dos xogadores
con máis anos seguidos de vencellamento ao clube e un dos “fixos” en
todo once que se preciase.
Na temporada 1949/50 Sobrino aliñou varias veces no ataque, pois o
técnico Benito Pérez “Moreno” apostaba polo trío defensivo integrado
principalmente por Cobas (ou Goberna), Fontela e Perniche. Sobrino tiña
cualidades para xogar como extremo pero en todo caso o que mellor lle
ía era a demarcación de lateral, onde o daba todo. Na campaña seguinte
o terceto Sobrino-Malet-Perniche fíxose clásico naquel Ferrol que
xogaba co 3-2-5 imperante dende había uns anos no fútbol español. Logo
viñeron os irmáns Anca, Arranz e demais para revolucionar a defensa,
pero Sobrino continuou sendo imprescindible.

En 1951/52 o Ferrol xogou a promoción de ascenso á 1ª División. Aquel
equipo dos Manel, Anca II, Artime, Perniche, Larrosa, Guimeráns, Juan,
Fabeiro, Calviño, Alvarito, Tilve, Sabino, etc. non foi quen de dar o
salto e os nervios fixeron mella en xogadores e dirixentes. No partido
ante o Santander (da 4ª xornada), que perdeu o cadro verde por 3 a 7
nun Estadio Manuel Rivera con doce milleiros de afeccionados nas
bancadas, Sobrino levou parte das culpas do fracaso ao marcar moi mal a
Mahjoub, unha das estrelas do cadro cántabro, autor de dous goles.
Aínda por riba tivo a fatalidade de marcar un gol en propia porta. O
veterano defensa verde foi inxustamente afastado do plantel pola
directiva, presidida por Carlos Sánchez de Vivar a instancias do
informe de Tomás Castro, adestrador á sazón do equipo, que aludira ao
baixo rendimento do cántabro. Iso deu lugar a que non volvese a xogar
no resto da promoción e pensou en abandonar o fútbol para enrolarse nun
barco de pasaxe. O bravo defensor verde confesou que a súa actuación
fora mala porque non había xeito de parar a Mahjoub, pero deixou claro
nunha nota pública que nos nove anos que levaba defendendo a camiseta
verde nunha dera mostras de indisciplina nin de falla de combatividade,
que xogou enfermo moitas veces e que xamais deixou de dar o cento por
cento en cada partido. Non mentía o futbolista de Santoña, exemplo de
amor ao clube e de entrega sen reservas sobre o campo como poucos e iso
tíñao claro a afección departamental, que lle profesaba un gran cariño
dende moito tempo atrás e presionou á directiva para que na campaña
seguinte poidese continuar. Non se podía culpar a un xogador dunha
derrota ante un potentísimo rival nin de non ascender á 1ª División. O
xogador tiña contrato en vigor e o mesmo se mantivo, logo dun verán de
augas turbias.
Aínda seguiu no Ferrol até 1954/55, exercendo de veterano ilustre
fronte ás novas camadas representadas polos xemelgos Anca, Arranz, Ton,
etc. O 10 de abril de 1955, ante o Lérida, Sobrino defendeu a camiseta
ferrolá por última vez. Remataba unha folla de servizos modélica dun
xogador cántabro que exerceu de ferrolán dentro e fora dos campos de
xogo cun ideal: contribuir a engrandecer a historia do Racing. E fíxoo
con creces.
» Sin comentarios
» Publicar comentario
|