 Pertencente a unha familia destacada no fútbol da súa cidade natal (o
seu irmán José Antonio, "Ñico", fora un dos referentes no Stadium
Avilesino ao longo da década de 1921-30, onde coincidiron xuntos varios
anos), o Ramón Miranda Pérez foi un dos grandes nomes da historia
racinguista. Extremo fino, rápido e valente no seu concepto do fútbol,
chegou a Ferrol en 1930 nunha época na que o clube verde tendeu as
redes sobre Avilés para facerse cos servizos de futbolistas de gran
nivel como Paredes ou Melchor.
Como xa dixemos noutra ocasión, de Asturias sempre viñeron futbolistas
que grata lembranza ao longo do percorrido do Racing pola escea
balompédica. Ramón Miranda, nas dúas etapas que xogou en Ferrol, deixou
sobrada mostra de calidade, entrega e tamén cariño ao clube.
Debutou de verde, como extremo esquerdo, o 28-09-1930 en Ourense diante
do Burgas, facendo liña atacante xunto a Toralla, Melchor, Lelé e
Alfredín. Miranda estaba chamado a ser o novo Gorostiza do Racing
(tarefa nada doada, sen dúbida). Tiña calidade, madeira para ser grande
e iso veuse moi cedo. O periplo ferrolán que culminaría cun
subcampionato galego en 1932/33. Lao, Lelé, Cupóns, Barrios ou Toralla
foron os seus compañeiros nos labores ofensivos para un Racing marcado
co selo de Planas, que volvera a brillar anos despois da explosión dos "Diaños Verdes". Miranda era moito extremo como para non estar na 1ª
División ligueira. E se de Ferrol saeu Gorostiza, o asturiano estaba
chamado a facelo tamén. O Barcelona agardaba. O clube catalán, que tiña
unha boa conexión co Racing através do inefable e inesquecible José
Planas, non escatimou esforzos en fichalo cando se percatou do enorme
extremo que había nese inesgotable viveiro de futbolistas no que se
estaba a convertir o Racing ferrolán. Miranda ía compartir vestiario
con lendas do fútbol español como Samitier, Piera ou Vantolrá. Asinou
contrato en xuño de 1933 con certa pena por abandonar Ferrol, onde tiña
ao Racing xa como a súa casa, pero ilusión por demostrar o moito fútbol
que tiña dentro nun dos grandes do fútbol hispano. Só unha lesión na
primeira aparición ligueira como azul e grana truncou en gran medida o
que podería ser unha carreira realmente importante na elite do fútbol
español.
 Tras o curto paso por Can Barça, Miranda volveu a Avilés pero tras a
Guerra Civil regresou a Ferrol. Os seus lazos coa cidade departamental
eran fortes, e o avilesino voltou para quedar. Completou a súa folla de
servizos no equipo verde con boas temporadas nas que se rozou o ascenso
á 1ª, para concluir en 1943/44, temporada do retorno á 2ª División,
xunto aos Herodes, Nicolá, Carolo, Conesa, Carnero, Gené, Portugués,
etc. e posteriormente, xa retirado tras case vinte anos xogando ao
fútbol, foi masaxista (tamén adestrador e axudante) durante moitos
anos, impregnando coa súa experiencia o percorrido ferrolán, cheo de
avatares, de momentos ledos e amargos. Toda esa ampla bagaxe fixo a
Miranda erixirse nun dos íconos do vello Racing, home da casa con
letras de ouro, modelo para os xogadores xóvenes, que sempre tiñan o
luxo de contar como espellos a homes significados ao seu carón como
Rivera, Silvosa, Basterrechea, Toralla, Ferreiro, Alejandro e tantos
outros, facendo clube, vestiario, equipo e sentimento racinguista.
Aspectos estes máis propios do fútbol antigo, pero sempre importantes e
dos que o actual Racing está tan necesitado...
O seu neto Manu seguiu a estela futbolística dun asturiano ilustre que
bordou o nome do Racing con fío de ouro nun tempo mítico da historia do
clube departamental: Ramón Miranda Pérez.
» Sin comentarios
» Publicar comentario
|