|
Indice
|
Zubieta: lenda do fútbol mundial, de verde por un día |
|
|
|
|
Escrito por Jorge M. Deza
|
|
Mércores, 15 Outubro 2008 |
Ángel Zubieta Redondo (Galdácano, Biscaia, 1918) foi un dos grandes
nomes do fútbol español. Lenda en Arxentina, referente no País Vasco e
ícona do fútbol de antes, aquel que entusiasmaba aos afeccionados con
xogadores todo corazón que atesouraban, asemade, calidade para dar e
tomar e deixar pegada nas memorias sen necesidade de mediáticos
endeusamentos, artificiais e histriónicos, nin parafernalias
panfletarias, tan abondosas no tempo actual en torno ao fútbol.
Defensa recio, talentoso e carismático, xogou en Ath. Bilbao (co que
ganou a Liga española en 1935/36), At. San Lorenzo de Almagro e D. La
Coruña e vestiu a camiseta da seleción española. Na década de 1941-50,
tras o exilio provocado pola guerra civil española (como consecuencia
da mesma marchou coa seleción de Euzcadi a América nunha xira destinada
a recadar cartos para a causa republicana española e do Goberno vasco),
recalou en Buenos Aires para incorporarse no mítico San Lorenzo de
Almagro, onde durante trece anos (entre 1939 e 1952) destacou xunto aos
Pontoni, Farro, Martino, etc.
Aquel rechamante equipo, coñecido como
"El Ciclón", marcou unha época no fútbol mundial, até o punto de ser
considerado neses anos corenta do pasado século como o mellor do
planeta polo seu fútbol devastador, innovador e vertixinoso, técnico e
vibrante, preciosista e eficaz. Un fútbol que causaba sensación e mesmo
envexa nunha Europa destrozada que recén saía da Guerra Mundial. Nese
conxunto estaba Zubieta, sentando cátedra no conxunto azulgrana, onde
fora buscar unha nova vida logo de que España desaparecera como país
civilizado en 1936. Aínda hoxe é o terceiro futbolista con máis
partidos disputados en competición oficial co clube da Avenida de La
Plata bonaerense, o cal é moito dicir.
Tras a brillante etapa no once de Boedo, en 1952 volveu a España e
fichou polo D. La Coruña, onde rematou a súa carreira como futbolista e
se iniciou como adestrador. En A Coruña pasaron a contar nese momento
cun dos mellores defensas que vestiron de branco e azul, pese a que xa
entraba nos seus últimos anos de actividade deportiva. Foi durante o
seu paso polo equipo herculino (catro anos, entre 1952 e 1956, onde
entroutros tivo a Helenio Herrera como técnico) cando Zubieta se
converteu en xogador verde... por un día.
O 23 de maio de 1954 o Racing (entón, Club Ferrol) disputou un partido
amigable co Tura Hennef, un modesto conxunto da 2ª División da
República Federal Alemana que tiña a varios internacionais coa seleción
B xermana. Pahiño, Oswaldo, Mauro ou o ex verde Tino (que recentemente
rematara contrato co Zaragoza) foron algúns dos nomes de futbolistas de
D. La Coruña e Celta cos que o clube ferrolán quixo contar a xeito de
préstamos "estelares" para o choque, non porque o Ferrol precisase
reforzos para afrontar o envite contra o Tura Hennef senón para realzar
o mesmo, aproveitando que a temporada estaba rematada. O Celta non
quixo prestar a ninguén, mais o D. La Coruña deixou participar no
partido ao arxentino Rafael Franco (futuro xogador e adestrador verde)
e nada menos que ao vasco Ángel Zubieta. Coa presenza do internacional
de Galdácano a afección do "Manuel Rivera" puido disfrutar dun momento
histórico, pois Zubieta brillou coa camiseta ferrolá diante dos
alemáns, sen escatimar esforzos, sen importar que fose un simple
partido particular de fin de temporada defendendo a camiseta dun 2ª
División. Viñera a Ferrol -como noutras ocasións defendendo a camiseta
deportivista- a xogar ao fútbol e dar espectáculo, como o profesional
que era. Por iso, cando foi substituido por Arranz levouse a maior
ovación da tarde. Non era para menos. O ex compoñente de "El Ciclón", o
central indiscutible que triunfara na Arxentina (país moi próspero á
sazón en materia económica e sempre salientable na futbolística), o
internacional e campión Zubieta, vestira a casaca verde! Para contalo
aos netos!
O Ferrol formou nese partido esquecido no cemiterio dos amigables
históricos cun once soberbio: Zamorita; Sobrino, Zubieta (Arranz 46’),
Anca II; Ovidio, Miraz; Polo, Carriega, Rafael Franco, Picho, Monchito.
Ganou o equipo departamental, moi superior ao seu rival, por 4 a 1 con
goles de Carriega, Bergmann en propia porta, Rafael Franco e Picho para
o Ferrol e T. Müller para os alemáns.
Zubieta estivo no campo corenta minutos, pois foi substituido a cinco
do remate do primeiro período. O central biscaíño fixo gala das súas
grandes facultades físicas e liderou a retagarda local ben secundado
por outro veterano, o cántabro Sobrino, e por Anca II como se os tres
levasen xogando xuntos varios anos. Pero o adestrador verde, Juanito
Vázquez, non quixo forzalo e garantiu así a merecida ovación da
parroquia ferrolá, que aclamou xenerosamente ao mítico futbolista pola
maneira na que conxugou calidade, constancia e entrega, sinais
sempiternos de identidade do coloso de Galdácano.
Cando algún día lonxano se escriba a historia definitiva do fútbol terá
que estar presente, sen ningún xénero de dúbida, o nome de Ángel
Zubieta Redondo, un auténtico "crack" español a nivel mundial, que unha
tarde de primavera foi racinguista...
» Sin comentarios
» Publicar comentario
|
|