A free template from Joomlashack

A free template from Joomlashack

Indice arrow Xogadores Ilustres arrow Zubieta: lenda do fútbol mundial, de verde por un día
Zubieta: lenda do fútbol mundial, de verde por un día PDF Imprimir E-mail
Escrito por Jorge M. Deza   
Mércores, 15 Outubro 2008
ImageÁngel Zubieta Redondo (Galdácano, Biscaia, 1918) foi un dos grandes nomes do fútbol español. Lenda en Arxentina, referente no País Vasco e ícona do fútbol de antes, aquel que entusiasmaba aos afeccionados con xogadores todo corazón que atesouraban, asemade, calidade para dar e tomar e deixar pegada nas memorias sen necesidade de mediáticos endeusamentos, artificiais e histriónicos, nin parafernalias panfletarias, tan abondosas no tempo actual en torno ao fútbol.

Defensa recio, talentoso e carismático, xogou en Ath. Bilbao (co que ganou a Liga española en 1935/36), At. San Lorenzo de Almagro e D. La Coruña e vestiu a camiseta da seleción española. Na década de 1941-50, tras o exilio provocado pola guerra civil española (como consecuencia da mesma marchou coa seleción de Euzcadi a América nunha xira destinada a recadar cartos para a causa republicana española e do Goberno vasco), recalou en Buenos Aires para incorporarse no mítico San Lorenzo de Almagro, onde durante trece anos (entre 1939 e 1952) destacou xunto aos Pontoni, Farro, Martino, etc.  Aquel rechamante equipo, coñecido como "El Ciclón", marcou unha época no fútbol mundial, até o punto de ser considerado neses anos corenta do pasado século como o mellor do planeta polo seu fútbol devastador, innovador e vertixinoso, técnico e vibrante, preciosista e eficaz. Un fútbol que causaba sensación e mesmo envexa nunha Europa destrozada que recén saía da Guerra Mundial. Nese conxunto estaba Zubieta, sentando cátedra no conxunto azulgrana, onde fora buscar unha nova vida logo de que España desaparecera como país civilizado en 1936. Aínda hoxe é o terceiro futbolista con máis partidos disputados en competición oficial co clube da Avenida de La Plata bonaerense, o cal é moito dicir.

Tras a brillante etapa no once de Boedo, en 1952 volveu a España e fichou polo D. La Coruña, onde rematou a súa carreira como futbolista e se iniciou como adestrador. En A Coruña pasaron a contar nese momento cun dos mellores defensas que vestiron de branco e azul, pese a que xa entraba nos seus últimos anos de actividade deportiva. Foi durante o seu paso polo equipo herculino (catro anos, entre 1952 e 1956, onde entroutros tivo a Helenio Herrera como técnico) cando Zubieta se converteu en xogador verde... por un día.

ImageO 23 de maio de 1954 o Racing (entón, Club Ferrol) disputou un partido amigable co Tura Hennef, un modesto conxunto da 2ª División da República Federal Alemana que tiña a varios internacionais coa seleción B xermana. Pahiño, Oswaldo, Mauro ou o ex verde Tino (que recentemente rematara contrato co Zaragoza) foron algúns dos nomes de futbolistas de D. La Coruña e Celta cos que o clube ferrolán quixo contar a xeito de préstamos "estelares" para o choque, non porque o Ferrol precisase reforzos para afrontar o envite contra o Tura Hennef senón para realzar o mesmo, aproveitando que a temporada estaba rematada. O Celta non quixo prestar a ninguén, mais o D. La Coruña deixou participar no partido ao arxentino Rafael Franco (futuro xogador e adestrador verde) e nada menos que ao vasco Ángel Zubieta. Coa presenza do internacional de Galdácano a afección do "Manuel Rivera" puido disfrutar dun momento histórico, pois Zubieta brillou coa camiseta ferrolá diante dos alemáns, sen escatimar esforzos, sen importar que fose un simple partido particular de fin de temporada defendendo a camiseta dun 2ª División. Viñera a Ferrol -como noutras ocasións defendendo a camiseta deportivista- a xogar ao fútbol e dar espectáculo, como o profesional que era. Por iso, cando foi substituido por Arranz levouse a maior ovación da tarde. Non era para menos. O ex compoñente de "El Ciclón", o central indiscutible que triunfara na Arxentina (país moi próspero á sazón en materia económica e sempre salientable na futbolística), o internacional e campión Zubieta, vestira a casaca verde! Para contalo aos netos!

O Ferrol formou nese partido esquecido no cemiterio dos amigables históricos cun once soberbio: Zamorita; Sobrino, Zubieta (Arranz 46’), Anca II; Ovidio, Miraz; Polo, Carriega, Rafael Franco, Picho, Monchito. Ganou o equipo departamental, moi superior ao seu rival, por 4 a 1 con goles de Carriega, Bergmann en propia porta, Rafael Franco e Picho para o Ferrol e T. Müller para os alemáns.

Zubieta estivo no campo corenta minutos, pois foi substituido a cinco do remate do primeiro período. O central biscaíño fixo gala das súas grandes facultades físicas e liderou a retagarda local ben secundado por outro veterano, o cántabro Sobrino, e por Anca II como se os tres levasen xogando xuntos varios anos. Pero o adestrador verde, Juanito Vázquez, non quixo forzalo e garantiu así a merecida ovación da parroquia ferrolá, que aclamou xenerosamente ao mítico futbolista pola maneira na que conxugou calidade, constancia e entrega, sinais sempiternos de identidade do coloso de Galdácano.

Cando algún día lonxano se escriba a historia definitiva do fútbol terá que estar presente, sen ningún xénero de dúbida, o nome de Ángel Zubieta Redondo, un auténtico "crack" español a nivel mundial, que unha tarde de primavera foi racinguista...
» Sin comentarios
Non hai comentarios.
» Publicar comentario
Email (oculto no comentario)
Nome/Nombre
Titulo
Comment
 caracteres maximo
 
Seguinte >
Joomla Templates by Joomlashack